Homenaxe a Man de Camelle

No sábado, día 11 de Xaneiro de 2003, a partires das 17:00h, celebrouse na praia do Matadeiro de A Coruña un acto de homenaxe a Man, coñecido como "O alemán de Camelle".

Dito acto foi convocado polo Colectivo Urbano Lugrís, que forma parte da Plataforma Nunca Máis, e consistiu nunha ofrenda floral, recitado de poesías, levantamento dun milladoiro e a intervención dalgún dos asistentes.

As primeiras víctimas do desastre do Prestige foron as nosas praias, rochas, areais, costas ... os homes e mulleres do mar que ven como o seu medio de vida está paseniñamente arruinándose. O noso pobo que está sendo tratado, unha vez máis, e sen rubor algún, con total desprezo polas administracións central e autonómica. O noso medio ambente, a nosa saúde, as nosas aves...

Pero a primeira víctima mortal ten nome; un home que fixo das rochas do seu entorno un auténtico museo, que é un monumento á paz. E que cando este museo - o que adicou toda a súa vida - quedou enchoupado, a súa existencia perdeu sentido. Man, cunha coherencia abraiante, é xa símbolo desta traxedia.

Traxedia que segue sen estar resolta e que cada día que pasa agrávase máis. Por iso parécenos de xusticia esta homenaxe.

¡¡¡ NUNCA MÁIS !!!

Man, home do Mar
Man, erguido no teu pedestal
a tua ialma debil
xa non puido aturar mais.
Pola incompetencia de moitos
tiveches que nos deixar
sen gozar da tua arte.
Esa arte do mar
que cando hoxe miro para ela
votome a chorar.
A chorar bagoas negras
coma a merda que a esta a sulagar.
Agora seras ti, naufrago do mar
ca tua libreta na man
o que teras de dibuxar
as cousas fermosas que atoparas.
Manfred amigo, Camelle, Alemania,
iso que mais da?!
Quero que saibas, estes no ceo ou no mar
que este pobo que chora
"Nunca Mais" te esquecera!

Johnni